Os xoves do século XXI xa non escoitan no seu entorno familiar, os contos tradicionais que noutro tempo os pais e avós contaban nos momentos de traballo e lecer. Por esta razón, a escola non pode permanecer allea a necesario labor de transmisión dos contos populares ás novas xeracións, facendo novas lecturas e interpretacións das narrativas tradicionais, adaptándoas aos novos tempos coa axuda dos medios audiovisuais.
Roland Barthes escribiu: “Baixo as súas case infinitas formas, o relato está presente en todas as épocas, en todos os lugares, en todas as sociedades; o relato empeza coa historia mesma da humanidade; non hai, nunca houbo un pobo sen relato"
Italo Calvino dixo: “Os contos conteñen unha explicación xeral do mundo, onde caben todo o mal e todo o ben, e onde se atopa sempre a senda para romper cos máis terribles feitizos”.
A.Rodríguez Almodóvar afirma: “O conto popular constitúe, sen ningunha dúbida, o modelo máis perfecto inventado pola humanidade para conseguir un texto infinito, un texto que diga e explique todo, en cada tempo e calquera circunstancia”
Escritores galegos e portugueses teñen recreado o conto popular nas súas obras: Rosalía de Castro, Anxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Adolfo Coelho ou Teófilo Braga son só algúns referentes na abordaxe do conto de transmisión oral.Manuel Rivas, que vén de publicar outro libro de contos afirma:"Cada conto é un animal solitário...Os contos teñen días e, como os escaravellos e as olladas do ser humano, poden verse con máis brillo".
Investigadores do noso patrimonio inmaterial galego-portugués teñen realizado unha importante contribución á preservación e transmisión do conto popular. Alexandre Parafita pensa que “ Os contos populares devem regresar ao mundo mágico em que nasceram: a oralidade”. Camiño Noia, autora do Catálogo tipolóxico do conto galego de tradición oral. Clasificación, antoloxía e bibliografia, manifesta:
“ O conto de transmisión oral é un instrumento fundamental na transmisión dos valores e contravalores que rexen nunha sociedade.” Álvaro Campelo cre que “A história das sociedades e da cultura não pode passar à margem do conto popular, dos seus discursos míticos e lendários.” Antonio Reigosa creou nas “polafías”, un novo espazo para a difusión dos contos da tradición oral.
Os novos narradores orais teñen actualizado e mesmo creado unha nova forma de contar en contextos inéditos para esta narrativa oral.
Os contos populares forman parte do noso patrimonio inmaterial e deben ser transmitidos e conservados como parte dun valioso “tesouro” que ten na lingua o seu principal soporte. Estamos convencidos de que aínda quedan historias inéditas na memoria de moitas persoas que merecen ser recollidas e preservadas.
As actividades propostas pola Asociación Cultural e Pedagóxica PONTE...NAS ONDAS! para a XVIII Xornada Multimedia e o VI Certame de Recolla queren dar difusión ás historias que os centros educativos recollan e aos novos relatos que forman parte do noso tempo, polo que se convoca :
XVIII XORNADA MULTIMEDIA PONTE...NAS ONDAS!
Tema:"Ponte... a contar"
Trátase de facer un programa audiovisual quer en formato audio quer en formato vídeo onde se recolla dalgún xeito o tema proposto e facérnolo chegar nos prazos estipulados. O xeito de tratar o tema é libre e queda ao criterio das escolas participantes.
Algunhas ideas para realizar o traballo poden ser:
- Recollida de contos populares na parroquia, concello ou bisbarra ( Gravación en audio, vídeo ).
- Levar ás persoas portadoras ( que poidan contar os relatos ) ao centro e documentar a experiencia.
- Recolla de expresións relacionadas co conto popular.
- Dramatización de contos populares: representación escenificada ou interpretación dramatizada dos textos.
- Contos do século XXI: historias que circulan pola rede e que se transmiten polos medios de comunicación.
- Contos en banda deseñada: debuxando as historias en viñetas. Montaxe audiovisual.
- Narrativas dixitais ( Storytelling ): unha nova forma de relacionar a cultura oral, a escrita, a informática e a cultura audiovisual.
- Organizar unha sesión de “contacontos” na aula co alumnado e documentala.
VI CERTAME DE RECOLLA DO PATRIMONIO ORAL GALEGO-PORTUGUÉS
Tema:"Ponte a contar”
Seguindo coas características fundamentais que o Certame vén mantendo dende hai xa seis anos, queremos propor aos centros escolares galegos e portugueses seguir afondando na divulgación do noso patrimonio cultural descubrindo e rescatando nesta convocatoria os contos populares.
Próximamente remitirémosvos as bases completas deste certame aínda que xa podemos adiantarvos que haberá importantes premios para os gañadores de cada categoría ( primaria, secundaria, bacharelato, ensino profesional e universitário ).
Instamos a todos os centros a que participedes nas dúas convocatorias xa que son perfectamente complementarias, e pódese aproveitar o mesmo material adaptándoo aos requerimentos de cada un dos dous programas.
O calendario para participar será o seguinte:
INSCRICIÓN
O prazo para inscribirse en ambas convocatorias prorrógase até o 31 de xaneiro de 2012. Hai que enviar debidamente cumprimentada a ficha correspondente á actividade na que se quere participar ou as duas, no caso de querer participar en ambas, a: This e-mail address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it
PRAZOS ENTREGA
- XVIII Xornada Multimedia Ponte...nas ondas! O prazo de recepción dos programas rematará o día 30 de abril de 2012. A emisión mundial de todos os traballos terá lugar o día 1 de xuño.
- VI Certame de Recolla do Patrimonio. O prazo de recepción dos traballos rematará o día 28 de maio. O resultado do Certame darase a coñecer en setembro de 2012.








