Re-creármonos co patrimonio lúdico
A acción de recrear é unha das máis pracenteiras para o ser humano pois todas as persoas precisan momentos de lecer. A palabra "recreación" vén do latín recreare cos significados de deleitar, gustar, gorentar ou gozar... As actividades recreativas ou de lecer son realizadas polas persoas para promover a participación individual e colectiva en accións que melloran a calidade de vida e satisfan as necesidades físicas e mentais, proporcionando pracer.
Brincar é algo intrínseco á vida dos nenos e nenas, un proceso que se vai desenvolvendo no tempo e no espazo e no cal se inclúen aspectos físicos e emocionais de forma individual e colectiva.
O xogo é unha forma de brincar que reúne dúas características sobresaíntes: nace no medio e está enraizado nel, co cal, pode ocorrer que o mesmo xogo teña, ás veces, regras diferenciadas e mesmo nomes semellantes ( ou distintos ) a poucos quilómetros de distancia. Poderiamos dicir que non se entende o xogo sen o medio no que se desenvolve e sen comprender a cultura da que procede.
Cada tempo da vida ten o seu lecer adaptado ao seu contexto sociocultural. A mocidade ten no tempo de lecer un amplo repertorio de activididades de recreo e de xogos. Ben certo é que o xogo nestas idades contribúe a fomentar á cooperación e a a espertar a agudeza e a axilidade mental e manual. Non debe esquecerse a necesidade do xogo en calquera individuo e, especialmente, a capacidade creadora tradicional no que fai referencia á presenza de actividades lúdicas axeitadas para todos e cada un dos grupos de idade.
As escolas e institutos son un espazo apropiado onde é doado transmitir os xogos tradicionais da zona. O alumnado poderá ser o encargado de investigar, recolectar e divulgar entre os seus familiares e veciños as prácticas dos xogos que se realizaban nos periodos de lecer.
Por todo o exposto, propomos que se reflexione sobre as formas de lecer tradicionais incluíndo todos os tipo de entretemento, xogos, xoguetes, adiviñas, cantigas, refráns. O currículo escolar ofrécenos áreas especialmente propicias á recreación dos xogos e xoguetes populares/tradicionais. Entre esas áreas poderiamos citar a Música, a Educación Física, a Tecnoloxía, a Lingua ( rescatando sortes de rifa, cancións do cancioneiro propias dos xogos ), as Matemáticas (cálculos de áreas, volumes, estudo de traxectorias )...e todo o que a nosa imaxinación alcance.
OS XOGOS POPULARES DESDE A
PERSPECTIVA EVOLUTIVA ( AGXTP www.agxpt.org )
XIX XORNADA MULTIMEDIA PONTE...NAS ONDAS!
Ponte...a brincar !
Trátase de participar realizando un programa audiovisual ( en formato audio ou vídeo ) que teña unha relación co tema proposto nesta edición: o lecer e o patrimonio lúdico galego-portugués. O xeito de tratar o tema é libre e queda ao criterio das escolas participantes. O prazo de envío dos traballos será comunicado aos participantes.
ALGUNHAS SUXESTIÓNS
- Recolla de campo do alumnado sobre o tempo de lecer dos seus pais e avós.
- Recollida de xogos tradicionais na parroquia, concello ou bisbarra ( gravación en audio ou vídeo ).
- Prácticas de entretementos e xogos no centro
- Levar á escola persoas que saiban xogar a xogos tradicionais e documentar a experiencia.
- Recolla con gravacións de cancións, sortes de rifado…
- Xogos de lingua: trabalinguas, adiviñas, refráns…
Para poder participar nesta actividade é preciso enviar cuberta a ficha de inscrición ao enderezo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo . Posteriormente estableceremos o calendario axeitado para participar.
NO FESTIVAL EUROPEO DE XOGOS TRADICIONAIS
Un referente imprescindible na Eurorrexión á hora de falar do Xogo Tradicional é BRINQUEDIA (Rede Galega do Xogo Tradicional). Ponte…nas ondas! integrada na Rede, colabora na organización do Festival europeo de xogos e deportes tradicionais que se celebrará en xuño de 2013 en Galicia. Os centros participantes en Ponte…nas ondas! terán a posibilidade de participar nas actividades que se realicen.








