Ponte...nas ondas!

Chegou... NA PONTE!

Correo-e Imprimir PDF

Na Ponte!

A Asociación Cultural e  Pedagóxica Ponte…nas ondas! presenta…NA PONTE. Un Libro-CD-DVD, editado por PAI Música.

UN TRABALLO CORAL

Neste proxecto conflúen alumnos, profesores, profesionais dos medios de comunicación, antropólogos, artistas, deseñadores e diferentes persoas e entidades que colaboran con Ponte…nas ondas! Esta unión, ao longo dos anos, fixo posible que unha modesta experiencia educativa se convertese nunha importante referencia no traballo transversal coa educación, a cultura, o patrimonio, as TICs e a comunicación.

Cando está a piques de cumprirse o seu vinte aniversario, Ponte…nas ondas! decide lanzar unha recompilación da súa historia, para inmortalizar todo o significado desta experiencia o traballo recóllese en catro soportes: un CD, un libro, un DVD e unha páxina web. Conxuntamente, dende o próximo 2 de decembro, desenvolverase baixo o nome NA PONTE AO VIVO unha experiencia “radiovisual” ao vivo que recorrerá Galicia e Norte de Portugal para achegar esta experiencia a cada recuncho da Eurorrexión.

O LIBRO

Duascentas páxinas nas que se describen a diversidade de ámbitos de actuación de Ponte…nas ondas! e se recollen as achegas realizadas por personalidades de cada unha das áreas que conflúen arredor desta experiencia. Inclúese unha sinopse das ponencias realizadas no Congreso Internacional “Pontes de cultura, pontes de futuro” celebrado entre Vigo e Melgaço con motivo dos 15 anos, que abriu o xornalista Manuel Campo Vidal de quen se recolle unha frase na contraportada do libro.

O ilustrador e debuxante Andrés Meixide é o responsable do diseño gráfico, das bandas deseñadas e dun artigo no propio libro. Unha ampla colección de fotografías ilustran momentos e situacións representativas das actividades realizadas por Ponte…nas ondas!

Outro apartado destaca é o adicado aos contidos do CD, incluíndo as letras e comentarios das cancións.

O libro péchase co extracto dunha colaboración de F.Fernández del Riego, a quen vai dedicado.

O CD

É unha paisaxe sonora pola que van pasando as colaboracións que artistas de tres continentes realizaron para Ponte…nas ondas! 

Ábrese cunha Suite, de Xosé Manuel Budiño, que sintetiza nunha fermosa composición sonoridades e expresións dunha ponte configurada por voces de alumnos, artistas e locutores radiofónicos. A partir desta primeira composición, os temas vanse alternando nunha sucesión introducida polas voces dos alumnos que nos achegan a Recife, Maputo, Santiago, Sao Paulo, Luanda ou Madrid da man de artistas como Lenine, Timbila Muzimba, Xoan Curiel, SocorroLira, Aline Frazao ou Luís Pastor. 23 cancións que navegan nas ondas, no mar de Ponte…nas ondas!

E para pechar o disco, unha chiscadela a un momento dunha conexión da xornalista Gemma Nierga con Ponte…nas ondas! e Manu Chao.

O DVD

Contén unha mostra de diferentes contidos audiovisuais,tamén pensados para as aulas, unha serie de videoclips e extras.

  • A documental Pontes nas ondas, mostra unha ampla variedade de imaxes e colaboracións desde diferentes ámbitos relacionados coa experiencia de Ponte…nas ondas!  Profesores, alumnos, exalumnos que pasaron polas actividades, artistas, historiadores, xornalistas e mesmo represantes institucionais expresan as súas opinións sobre as actividades de Ponte…nas ondas!
  • Os videoclips. Materiais producidos desde a fase máis “visual “ na que se divulgan colaboracións de artistas e se recollen tamén accións realizadas para divulgar o patrimonio cultural galego-portugués, como a “ocupación das pontes” por parte de xoves galego-portugueses para reivindicar a nova presentación da Candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego Portugués diante da UNESCO.
  • Extras: Contamos no mundo. Recolle a importante colaboración realizada polos narradores orais de Galicia e Portugal. Un recoñecemento ao importante labor que realizan estes novos “trobadores” na transmisión do patrimonio oral galego-portugués, como Cándido Pazó, Carlos Blanco, Paula Carballeira ou Clara Haddad.

A  WEB DE NA PONTE

A través da web NA PONTE ( www.naponte.com ) tentará cumprir dous obxectivos:

  1. Dar a coñecer a experiencia en todo o mundo,  polo que conta con versión en galego, portugués , español e inglés.
  2. Entrar nas aulas, de forma que esta web se convirta nun espazo de intercambio de materiais didácticos e propostas lúdico-educativas; nela poderán participar todas aquelas persoas e escolas que o desexen.

“NA PONTE AO VIVO”

É unha experiencia “radiovisual” ao vivo creada por Ponte…nas ondas!, PAI Música e Casa de Tolos. Unha actividade dirixida á mocedade a través da que pretendemos achegalos, dun xeito lúdico e divertido, ao mundo da radio, do audiovisual e das TICs. Baixo a dirección do locutor Xurxo Souto os rapaces e rapazas vivirán e participarán na realización e escenificación dun programa de radio en directo.

O estreo do espectáculo NA PONTE AO VIVO! será o domingo día 2 de decembro, as 16.30 horas, no espazo “O cuarto dos nenos” do Culturgal e contará coas actuaciónns en directo de Augusto Canário, Luis Caruncho e Vozes da Rádio. A partir de aí será itinerante e recorrerá tanto Galicia como Portugal. Os concellos que desexen contar con esta actividade nas súas programacións deberán solicitala contactando con Casa de Tolos.

 

1 Patrimonio para o futuro


     novo logo patrimonio
   
 

  • Na rede

Ola: Ponte...nas ondas! tamén está nas redes sociais. Se queres, podes participar e seguirnos.
tuentifacebooktwittervimeoyoutubeflickr

 

logos15_anospremio ondas