Ponte...nas ondas!

Candidatura

Acto dos 10 anos da Candidatura á UNESCO

Correo-e Imprimir PDF

Este venres 17 de outubro,  na sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, ás 12.00 hs. ( hora galega ), acto conmemorativo dos 10 anos da presentación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.

Neste acto darase a coñecer a nova campaña pola inscrición deste patrimonio na Lista Representativa da UNESCO.

 

A Candidatura das Tradicións Orais Galego-Portuguesas

Correo-e Imprimir PDF

Outra oportunidade

A CANDIDATURA DO PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS á UNESCO é unha iniciativa que promove Ponte…nas ondas! e trátase da primeira Candidatura Multinacional presentada por centros educativos de dous países co aval dos seus gobernos.

Desde o ano 1995, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! vén traballando na transmisión ás novas xeracións de Galicia e Portugal, do patrimonio inmaterial galego-portugués. Un patrimonio común que mantivo a súa cohesión ao longo dos séculos nun territorio que a fronteira máis antiga de Europa non foi quen de desfacer.

Por iso, cando no ano 2001 a Unesco falla as primeiras proclamacións das Obras Mestras do Patrimonio Inmaterial da Humanidade, Ponte…nas ondas! asume a responsabilidade de levar a cultura común galego-portuguesa a un merecido recoñecemento internacional.

Ponte...nas ondas! comeza un traballo constante de levar ás aulas da Eurorrexión as expresións máis singulares e representativas do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. Paralelamente prepáranse estudos achegados por antropólogos e investigadores de Galicia e Portugal. Sucédense as actividades de dinamización e promoción realizadas desde as escolas, as asociacións e as propias comunidades de portadores que vén na Candidatura á Unesco unha forma de revivir unha boa parte das tradicións adormecidas polo desenvolvemento social e os cambios nas formas de vida. Desde Ponte...nas ondas! impúlsanse as Mostras da Oralidade Galego-Portuguesa, celebradas en distintas cidades, nas que teñen participado músicos e artistas galegos e portugueses, os Certames de Recolla da Tradición Oral Galego-Portuguesa dirixidos aos centros educativos ou realízase o proxecto Meniños Cantores cun simbólico videoclip gravado na ponte de Tui-Valença co título de Máis Perto.

O 23 abril de 2004 preséntase publicamente en Vigo a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Con aínda poucos apoios e moitas reticencias por parte das institucións, quer galegas quer portuguesas, mesmo tamén de Madrid, sucédense as entrevistas no triángulo administrativo Santiago-Lisboa-Madrid e comprobamos como a proposta dunha Candidatura Multinacional era unha auténtica novidade.

Aínda así, Ponte...nas ondas! foi quen de presentar en París o 18 de outubro de 2004 un primeiro dosier co aval dos dous Estados e co apoio da Xunta de Galicia.

Dosier que foi ampliado e completado con novos traballos realizados ao longo do ano 2005.

A Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués foi recollendo apoios segundo se aproximaba a data da proclamación ( 25 de novembro de 2005 ). Varios escritores, como Suso de Toro, Méndez Ferrín e Manuel Rivas asinaban un manifesto xunto aos portugueses Mario Claudio ou José Saramago e a galego-brasileira Nélida Piñón, entre outros. Ademais numerosas escolas e institutos, concellos galegos, cámaras municipais portuguesas, institucións oficiais e asociacións diversas mostraron un apoio unánime a esta Candidatura.

Ao igual que o Parlamento de Galicia, que o 10 de novembro de 2004 aprobou por unanimidade unha moción presentada polo PSdeG-PSOE e BNG, na que se solicitaba o apoio da Xunta de Galicia a esta candidatura.

O 21 de setembro de 2005, no Congreso dos Deputados de España, apróbase outra resolución por unanimidade instando ao goberno a apoiala, informando á UNESCO desta resolución.

O 25 de novembro, o xurado internacional reunido na Unesco, considera que a Candidatura das Tradicións Orais Galego-Portuguesas, debe ser reformulada para unha posterior presentación.

Os membros do xurado valoraron o extraordinario proceso desenvolvido por Ponte...nas ondas! destacando o feito singular de ser a primeira candidatura mundial en ser promovida por centros educativos de dous países.

Esta decisión do Xurado foi recollida polo xefe da División de Patrimonio Inmaterial, Mr.Riek Smetts, quen nun oficio remitido posteriormente ( o 3 de xaneiro de 2006 ) aos gobernos español e portugués, recomenda volver a presentala coas suxestións feitas polo xurado.

 OUTRA OPORTUNIDADE PERDIDA

 En setembro de 2007, a Unesco modifica o sistema de proclamación das candidaturas debido á entrada en vigor da Convención para a Salvagarda do Patrimonio Inmaterial. Crea unha Lista Representativa onde, son os Estados os que inscriben os bens patrimoniais en dita Lista, sendo así proclamados Patrimonio da Humanidade.

Ponte...nas ondas! diríxese entón á Consellería de Cultura para proporlle o inicio dos preparativos para o novo procedemento. A falta de resposta levounos a realizar un acto simbólico o 23 de novembro de 2007 enchendo as catro pontes sobre o río Miño           ( Cerveira-Tomiño, Tui-Valença, Salvaterra-Monção e Arbo-Melgaço ) con mozos e mozas dos centros educativos próximos. A mensaxe era clara: Unha nova oportunidade para o patrimonio cultural galego-portugués. Aínda que o acto foi portada ao día seguinte de medios galegos e portugueses, a sensibilidade das administracións mantíñase intacta: desinterese e indiferencia.

Entre tanto, en abril de 2008, o presidente da Xunta, Pérez Touriño, entrevístase en París co Director Xeral da Unesco, Koichiro Matsuura, interesándose pola proclamación da Torre de Hércules como patrimonio da humanidade. A sorpresa é que o Sr. Matsura dille que debería presentar a candidatura de patrimonio inmaterial, tendo en conta a riqueza de Galicia neste ámbito. O Sr. Touriño manifestou aos medios que tería en conta os traballos xa realizados por Ponte...nas ondas! Pedimos unha entrevista co Sr. Presidente pero nunca foi respondida.

Coa ratificación na Asembleia da República portuguesa da Convención de Salvagarda do Patrimonio Inmaterial, en maio de 2008, sálvase un impedimento legal en Portugal. Varios deputados, desde o PSD ao Bloco de Esquerda, interpelan ao goberno sobre o proceso da candidatura galego-portuguesa á Unesco.

Este admite publicamente que recibirá a Ponte...nas ondas! en Lisboa e que se os “técnicos” consideran viable a proposta presentará novamente a Candidatura en outubro.

A comezos do verán de 2008, Ponte...nas ondas! entrevistase no Ministerio de Cultura cos responsables do IMC ( Instituto dos Museus e da Conservação ). Nesa entrevista solicítasenos que presentemos unha reformulación da Candidatura antes de setembro. Se así o facemos comprométense a avaliala e a enviala para a Unesco. Non perdemos nin un só día en poñernos co equipo de antropólogos e investigadores galegos e portugueses a elaborar a reformulación segundo os criterios que a Unesco aconsellara no oficio remitido aos dous Estados e a Ponte...nas ondas!

O 13 de agosto, o dosier está rematado e envíase a Lisboa. A súa análise ”demórase” até o 24 de setembro, tan só uns días antes de rematar o prazo de presentación na Unesco. O parecer “técnico” constitúe un auténtico despropósito e demostra o descoñecemento máis absoluto do patrimonio inmaterial galego-portugués, alén de poñer por escrito afirmacións de escaso rigor científico.

Ademais da pouca consistencia técnica e intelectual, o referido informe pechaba calquera saída á presentación da candidatura co patrimonio común galego-portugués.

Así foi como se perdeu unha nova oportunidade. Como resposta, o 31 de outubro, Ponte...nas ondas! remite ao Ministerio de Cultura de Portugal un informe avalado polo equipo de especialistas rebatendo cada unha das liñas do suposto parecer “técnico”.

Entre tanto, a candidatura do Flamenco que concorrera no ano 2005 en París como candidatura multinacional sen acadar a proclamación, reformúlase e convérsese nunha proposta exclusivamente española e inscríbese na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial da Humnanidade.

                Que debemos facer os galego-portugueses para que as nosas institucións teñan a sensibilidade e a responsabilidade para emprender as medidas necesarias para o recoñecemento internacional do patrimonio común galego-portugués, verdadeiro corazón da nova Eurorrexión ?

A información sobre a Candidatura pode consultarse en: www.opatrimonio.org

 

 

1 Patrimonio para o futuro


     novo logo patrimonio
   
 

 

logos15_anospremio ondas