Un tema común: o patrimonio

A xornada de comunicación interescolar, foi ao longo da historia de Ponte… nas Ondas! o evento de maior participación e proxección. Durante as 20 edicións da xornada de comunicación interescolar, participaron cerca dun milleiro de centros educativos de Portugal e España, xunto con outros de América e África.

Nas últimas edicións desta xornada, sempre precedida dun intenso traballo a pé de aula, o tema enfocouse a diversos ámbitos do Patrimonio Inmaterial galego-portugués. O patrimonio inmaterial tivo, desde a primeira proclamación das Obras Mestras do Patrimonio Inmaterial no ano 2001 pola UNESCO, unha especial divulgación nos centros educativos participantes na xornada de comunicación.

A experiencia co patrimonio abriu novas liñas de traballo

A través do traballo desenvolvido para a preparación dos programas así como na súa emisión, o alumnado foi descubrindo o patrimonio común entre os dous territorios quedando evidenciado nos contidos de moitos programas audiovisuais a través da participación directa de moitas nenas e nenos dun e doutro lado do Miño. Mesmo foi levado á práctica en programas en directo onde se lles pedía aos nenos do outro lado da fronteira que chamasen en directo para completar adiviñas, refráns, etc. ou que buscasen outros similares na súa lingua.

Toda esta experiencia co patrimonio abriu no seu momento novas liñas de traballo para a Asociación e deu lugar á presentación dunha Candidatura Multinacional de Patrimonio Inmaterial na UNESCO.

Estes foron os temas tratados nestas xornadas interescolares ao longo dos 20 primeiros anos de historia da asociación:

  • I Edición 1995 – Inauguración da Ponte Salvaterra Monção: Que vas facer ti para mellorar a relación entre os dous pobos?
  • II Edición 1996: Que sabes ti da outra beira do Miño?
  • III Edición 1997: Que aprendeches de Salvaterra de Miño para Ponte…nas ondas! ?
  • IV Edición 1998: Que aprendeches de Monção para Ponte…nas ondas! ?
  • V Edición 1999: Que aprendeches de Melgaço e Arbo para Ponte…nas ondas! ?
  • VI Edición 2000: Que aprendeches de Valença e Tui para Ponte…nas ondas! ?
  • VII Edición 2001: A ruta do escravo
  • VIII Edición 2002: ” O patrimonio inmaterial “
  • IX Edición 2003: ” O mar e nós, sós “
  • X Edición 2004: ” O patrimonio vivo”
  • XI Edición 2005: ” 1 patrimonio para o futuro “
  • XII Edición 2006: ” Os sons da ponte”
  • XIII Edición 2007: “Na Rede do Patrimonio”
  • XIV Edición 2008: “Identidade e territorio”
  • XV Edición 2009: “O patrimonio dos Tesouros Vivos “
  • XVI Edición 2010: ” O tesouro dos avós “
  • XVII Edición 2011: ” As bibliotecas vivas”
  • XVIII Edición 2012: “Ponte…a contar!”
  • XIX Edición 2013: “Ponte…a brincar “
  • XX Edición 2014: “Vinte…na ponte”