XIII EDICIÓN

- Introdución
- Programación
- Actividades
- Colaboracións
- Radios colaboradoras
- Patrocinan
- Prensa


Descarga cartel
B/N (1 MB)
 
Cor (1 MB)


Ponte...nas ondas!, experiencia de comunicación nacida no ano 95, convoca a XIII edición da xornada de radio interescolar que vai dar continuidade á liña de traballo comezada en 2002 sobre o Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Desde entón, a programación e o labor de Ponte...nas ondas! puxo en valor e transmitiu ás novas xeracións diversos aspectos da cultura común galego-portuguesa.

Ademais e, segundo recomenda a UNESCO, seguimos a demandar a introdución do patrimonio inmaterial galego-portugués no sistema educativo de Galiza e do Norte de Portugal.

A xornada radiofónica interescolar salta nesta edición á Rede e Internet vai ser a praza pública de intercambio, a feira do patrimonio onde se trocarán os traballos producidos polos nosos xoves. Un fío condutor dará cohesión a esta programación como vén sendo habitual: a cultura galego-portuguesa.

Animámosvos pois a crear os espazos sonoros que conformarán a programación do 1 de xuño.

Na Rede do Patrimonio quere ser a arte na que apañemos aquelas expresións máis singulares da nosa cultura. Animamos a todos os centros a tender as mallas invisíbeis para atrapar nelas as voces nas que a nosa se cultura común se expresa.

Como xa demostramos nas anteriores edicións de Ponte...nas ondas! a riqueza e a variedade do Patrimonio Inmaterial é inmensa e aberta a novos horizontes. Por iso, suxerímosvos que co voso alumnado elixades un tema dese vasto tesouro vivo, "enrededes" con el e procuredes a confluencia das novas tecnoloxías e da vellas tradicións para que as novas xeracións sexan conscientes de viviren nunha sociedade rica e diversificada.

Esta edición pretende tecer a primeira rede virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués urdida desde e para as novas xeracións.

Como vén sendo habitual, cada centro participante ten liberdade para escoller a temática do seu programa, dentro do amplísimo campo do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Unha recomendación: valorarase a presenza das expresións ou manifestacións do patrimonio inmaterial galego-portugués, incluídas aquelas máis recentes ou renovadoras.

Esta é a filosofía da programación desta XIII edición de Ponte...nas ondas!