* * * Xa podes ver e escoitar a XIII Edición, fai click aqui! * * *
XIV XORNADA DE RADIO INTERESCOLAR

IDENTIDADE E TERRITORIO

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! convoca a XIV Xornada de Radio Interescolar que se desenvolverá o día 6 de xuño de 2008.
Para esta edición, o tema que se propón é a temática da identidade territorial baixo o lema IDENTIDADE E TERRITORIO.
Se o territorio lexicográficamente se define coma "..extensión ampla de terra delimitada xeográfica, política ou administrativamente, ou que está habitado por un pobo…" queremos chegar mais alá e esa é a nosa proposta. Queremos estudar o territorio coma o marco no que se desenvolveu unha cultura única e irrepetíbel.
O estudo e coñecemento do territorio no que nos desenvolvemos é moi importante e a difusión desta parte da cultura sobranceira na educación dos nosos alumnos e alumnas.
Como as diferentes civilizacións modelaron a nosa identidade na súa apropiación do medio natural, o coñecemento desa realidade territorial como espazo e condicionante dunha cultura que se adaptou ao medio descubriranos a obriga da súa utilización racional, conservando os elementos patrimoniais adecuados e constituíndo un dos principais factores identitarios.

En colaboración co equipo do Proxectoterra, que leva adicándose varios anos a estudar este tema, acordamos achegar esta temática ás nosas aulas. Esta colaboración permítenos ofertar a todos os centros galegos e portugueses interesados en participar na XIV edición da xornada radiofónica unha grande cantidade de material didáctico para os alumnos e alumnas, así como moito material de apoio para o profesorado para que en cada centro se poidan desenvolver as actividades que se desexen en relación con este tema.

Ademais e, segundo recomenda a UNESCO, seguimos a demandar a introdución do patrimonio inmaterial galego-portugués no sistema educativo de Galiza e do Norte de Portugal como un contido transversal.


Se na pasada edición foi o patrimonio o que saltou á Rede e baixo o lema NA REDE DO PATRIMONIO realizáronse as 24 horas de radio, nesta ocasión vai ser a IDENTIDADE E O TERRITORIO quen module a programación da XIV edición de Ponte...nas ondas!

Todos os grupos de xoves que desexen participar deberán inscribirse a cubrindo a ficha de participación antes do 15 de marzo de 2008.
Os grupos de xoves de Galiza e do Norte de Portugal que se inscriban, optarán tamén ás saídas guiadas a varios puntos do territorio da Eurorrexión para coñecer lugares de interese desde o punto de vista do patrimonio cultural galego-portugués.

Os participantes doutros países, achegarán programas con esta temática como fío condutor dos contidos que integren a gravación.

 
 
 
EVENTOS